17/10/11

O soño do funcionario

bombeirosforestais
17/10/2011
Redacción

Hai uns meses tiñamos noticias das aventuras dun Axente Territorial de Montes e Incendios sorprendido infraganti con 8 kg. de percebes e un traxe de neopreno nun coche oficial da Xunta de Galicia cando transitaba unha estrada do concello coruñés de Valdoviño.

Non é a nosa intención facer extensible a nosa indignación a todo o colectivo de axentes forestais de Galicia, pois coñecemos moitos e moi honrados e profesionais no exercizo das funcións que teñen encomendadas. O que si imos plantexar neste punto é a necesidade de reflexionar sobre este tipo de actitudes que poñen ao servizo de extinción de incendios forestais na palestra do escarnio e por extensión ao servizo de policía, vixiancia e protección do Medio Natural. Non se pode obviar que nada é perfecto e tódolos sistemas teñen eivas e defectos. Mais isto é só unha desculpa pra pechar os ollos ante situacións que rozan a ilegalidade ou cando menos constitúen unha falta disciplinaria de primeira orde como a que se pode apreciar na imaxe enviada por un anónimo seguidor do noso blogue, ao que agradecemos a súa aportación.

Axente forestal sorprendido durmindo en horas de traballo

A imaxe esta tomada en plena campaña de incendios 2011. O máis probable é que o axente que prácidamente durme no interior do vehículo oficial se atope de servizo. Iso ou é que non ten casa ou que o botou a muller... Contos aparte, o que está claro é que se os que teñen a función de vixiar e defender os nosos montes, aproveitan as súas horas laborais pra durmir ou facer outro tipo de cousas que nada teñen que ver coa misión pra a que foron encomendados. Que debería agardar a sociedade galega deste tipo de "funcionarios"?

Quixemos ser imparciais no tocante á identidade do sorprendido difuminando a matrícula do vehículo oficial, pois descoñecemos as circunstancias nas que foi obtida a imaxe. Aínda así queremos manifestar a nosa máis rotunda repulsa ante este tipo de actitudes que empañan a profesionalidade dun servizo de extinción de incendios que ten demostrado altas doses de capacitación e sacrificio na defensa do monte galego.